Para ninguén pasou desapercibida a visita da comisaria de Asuntos Marítimos e Pesqueiros, María Damanaki, á península do Morrazo. A comisaria de Pesca inspeccionou a zona e coñeceu de primeira man o traballo das mariscadoras. Segundo adiantou a comisaria grega, o modelo de organización morracense exportarase á UE para desenvolver un proxecto que ten como obxectivo formar unha rede de mulleres europeas dedicadas ao ámbito da pesca.
Pero non só chamou a atención a organización das mariscadoras galegas, senón que ademais son un exemplo de conservación e sostibilidade de recursos mariños. Entre os seus principais obxectivos está crear emprego, aumentar a seguridade e sostibilidade das rías e mellorar a produtividade dos seus bancos. As confrarías saben que a prioridade é recuperar as zonas danadas e apostar por unha produción sostible, duradeira nun futuro e fundamentada nunha práctica responsable.
Doutra banda, este recoñecemento internacional é unha boa maneira de visibilizar o papel das mulleres no sector pesqueiro. O seu labor contribúe a asegurar a pervivencia dun duro oficio e do ecosistema mariño ademais de desempeñar unha función esencial no emprego sostible dos recursos naturais. Así mesmo desde nenas manteñen unha relación especial co medio mariño a través dos coñecementos que lles transmitiron as súas nais, xeración tras xeración.
As artes que se utilizan na extracción dos mariscos de ría son básicamente as mesmas desde fai décadas: un angazo, un gancho e un cubo. A profesionalización do sector produciuse sen que afecte ás formas e técnicas de recollida, o que fixo que as mulleres se incorporen a un mercado laboral sen prexudicar ao medio natural.
Pero non só o uso destas técnicas fan do marisqueo unha actividade sostible. Diariamente as confrarías determinan a cantidade de marisco que se pode recolectar. Elas saben que respectar o presente é riqueza para o futuro.



